miércoles, 10 de junio de 2009

Coa lingua no cu

Xa vos teño dito que non son linguísta, e por iso seguro que vou decir un feixe de parvadas, pois seica hoxendía o sentido común está pelexado coa norma.
Escoitado a un sindicalista:
"...estamos aquí para acadar o acordo o máis axiña posible (sic)".
A miña avoa ensinóume, que cando mandaba facer algo axiña quería decir de seguida, pois calquera demora levaba aparellada un par de labazadas. Débese entender, polo tanto, que folga ornamentar o dito con iso de "o máis axiña posible", ainda que só sexa, máis que por falar correctamente, por ser prácticos.
Ou sexa, que si a estas alturas o sindicalista non acadou o tal acordo, a miña avoa diría que é un "carallo de martaraño", pero iso quería decir, para ela, algo que non atoparedes no diccionario.
Claro que tamén poidera ser que a miña avoa falara nunha variedade dialectal das moitas que ten o galego, e coma tal, non se atope recollida pola norma.
Escoitado a un representante dunha organización cultural:
(Acerca da celebración da xornada de exaltación do traxe galego e día da muiñeira)...... "e empezaremos co desfile i seguiremos con..."
Na miña aldea, os máis vellos do lugar só empregaban o "i" copulativo cando a seguinte palabra principiaba pola vocal "e", por exemplo: "i entón díxolle o mesmo que xa che dixera a ti" . Nos demáis casos, a unión facíase cun "e", como por exemplo: "vou e veño cada día". (Xusto o contrario do que fai o tal representante dunha organización cultural, e menos mal que é cultural, non quero pensar que diría no caso de ser deportiva).
Claro que tamén isto semella que poidera ser unha forma arcaica de falar, que se correspondería, sen dúbida, coa mesma variedade dialectal que empregaba a miña avoa, e por iso agora está en desuso.
Escoitado a uns mozos pola rúa:
"...eu ese prato pedínno porque non o había probado" (sic).
Ao que resposta unha das mozas:
"Pois a tortilla estaba moi buena"(sic).
Eiquí teño que decir que non teño moitas dúbidas e non hai variedades dialectais que o xustifiquen. O meu avó diría que "estaba muito boa" pero non tén perdón, porque él érache portugués. O caso é que os tales mozos xa non estaban na idade de aprender, agás co método do "fale galego con mil palabras".
Escoitado a outro sindicalista, éste do ensino e falando máis correctamente:
"....consultar aos pais sobre a lingua na que queren estudar os fillos é ilegal e enmárcase dentro dunha campaña de agresión ao idioma galego".
Semella un perigo que pedir unha opinión, de calquera tipo, sexa ilegal. E ainda que así fora, ainda non vai un ano, iso tiña fácil solución, en tan só tres pasos:
-Paso 1. Convocatoria de debate parlamentario en base a unha proposta de lei que sae aprobada por maioría absoluta.
-Paso 2. Publicación de Decreto no DOG.
-Paso 3. A cumprir co lexislado unha vez sexa efectivo o prazo de aplicación da lei.
Todos aqueles que pensan que non agreden ao idioma galego cando falan con palabras tan "biensonantes", si tiveran un pouco de respecto pola lingua, meterían a mesma no cu antes de atreverse co que descoñecen. Non esquezo que iso é o que nos mandaba facer a miña avoa, de cativos, cando deciamos algunha burrada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario